Saturday 20 de April de 2024

O Concello pobrense achega a opción de conciliar no 16 de maio


No 17 de maio, Día das Letras Galegas, é festivo autonómico e, como nos centros educativos se opta por facer ponte, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), achega uns obradoiros de conciliación para o día 16. Transcorrerán no CEP Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas, e están destinados á rapazada nada entre 2008 e 2018.

O prezo total é de 3 euros por nena/neno, pero aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.

Tamén se oferta o Servizo de Madruga, cuxo custo será de 1 euro pola entrada do cativo/cativa a partir das 08.00 horas e de 1’50 euros dende as 07.30 horas. E, a maiores, haberá prestación de comedor para dar así maiores facilidades ás familias usuarias.

Establécese un total de 40 prazas e a data límite para a inscrición é no 12 de maio a través das oficinas dos Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545.

Darase cumprimento á normativa implantada por mor da COVID-19.